A RAG pechará cun simposio con dezaseis especialistas un mes dedicado a Carlos Casares

Dezaseis especialistas profundarán na biografía e na obra do protagonista do Día das Letras Galegas de 2017 do 21 ao 23 de novembro no Simposio Carlos Casares que organiza a Real Academia Galega. O programa -de entrada libre e recoñecido pola Consellería de Cultura e Educación como actividade de 12 horas de formación permanente do profesorado- desenvolverase na sede da Academia (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) en horario de tarde. A conferencia inaugural será impartida polo académico de honra Arcadio López-Casanova, amigo persoal do escritor desde os anos de mocidade.

Co Simposio Carlos Casares concluirá un mes de análise do legado do autor que arrincou esta semana en Ourense e Vigo coas Xornadas Carlos Casares organizadas pola Fundación Carlos Casares e continuará, os días 16 e 17, cun encontro no Consello da Cultura Galega -institución da que foi presidente- que abordará a súa dimensión de intelectual público.

Dos anos de mocidade en Santiago á vida como escritura
O Simposio Carlos Casares -organizado co apoio da Consellería de Cultura- afondará en distintos aspectos da narrativa, o ensaio e o articulismo que cultivou o autor, facendo fincapé tanto nas características da súa escrita como nas súas reflexións sobre como debía ser esta. O académico de honra Arcadio López-Casanova pronunciará o martes 21 de novembro a conferencia inaugural, "Carlos Casares en Compostela: formación, compromiso e manifestación", dedicada precisamente a aqueles anos compartidos como universitarios. A académica Fina Casalderrey moderará deseguido a mesa redonda sobre a teima de Carlos Casares pola procura de novos públicos lectores para a literatura galega. O escritor e profesor da Universidade de Vigo Manuel Santiago Fernández Álvarez -Manuel Forcadela- participará cunha intervención titulada "Carlos Casares e o moralismo equidistante", a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Montse Pena, exporá "Enxeñar un mundo posible: Casares e a reinvención da literatura infantil e xuvenil (1986-2002)", e o profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza, "Carlos Casares e a cortesía co lector".

O mércores 22 de novembro o académico correspondente Francisco Xavier Carro Rosende abrirá a tarde co relatorio "Polos buratos da memoria". "Casares de onte a hoxe" é o título da mesa redonda que terá lugar a continuación con achegas de catro escritores: a académica Marilar Aleixandre ("Carlos o fabulador e a fábula de Casares"), o director xeral de Galaxia, Francisco Castro ("Carlos Casares, todo era verdade"), Antón Riveiro Coello ("O difícil xogo das transparencias") e María López Sández ("A escrita de Carlos Casares: unha poética da descrición literaria").

O xoves 23 o programa centrarase no Casares articulista, ensaísta e lector e rematará coa conferencia do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, "Carlos Casares, a sedución da palabra". Previamente, nunha mesa moderada polo ex-decano do Colexio de Xornalistas Xosé Manuel Pereiro, a escritora, articulista e profesora da ESAD Inma López Silva deterase no feminismo e na igualdade no Casares xornalista, o periodista e escritor Ramón Loureiro ofrecerá unha intervención titulada "Carlos Casares: a vida como escritura", e o tamén escritor Álex Alonso, "Casares e o vento de Clío: ficción, historia e metahistoria".

Inscrición gratuíta
A inscrición no Simposio Carlos Casares é gratuíta e pode formalizarse antes do 21 de novembro no correo electrónico secretaria@academia.gal indicando os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico, teléfono e datos profesionais. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia.

Pode descargar o programa do Simposio Carlos Casares NESTA LIGAZÓN.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar