A RAG acolle o 11 de setembro unha charla-concerto de homenaxe a Fanny Garrido

A Real Academia Galega acollerá o luns 11 de setembro, ás 19 horas, unha charla-concerto en homenaxe á escritora e tradutora Fanny Garrido (A Coruña, 1846 - Madrid, 1917). A Consellería de Cultura organiza coa colaboración da RAG esta xornada para visibilizar o traballo da autora, membro correspondente da institución desde a súa fundación, co gallo do centenario do seu pasamento. A musicóloga Laura Touriñán profundará nunha conversa coa xornalista Isabel Bugallal en distintos aspectos da súa vida e obra e o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo interpretarán os poemas galegos de Fanny Garrido musicados por Marcial del Adalid, cuxo fondo bibliográfico foi doado pola filla da parella á Academia. Parte destes documentos serán exhibidos e comentados na apertura do acto.

Fanny Garrido

"Aínda que Fanny Garrido é unha figura que temos un tanto esquecida, é unha personalidade importante que debemos destacar na historia de Galicia e da España do século XIX. Foi unha das mulleres avanzadas ao seu tempo que, a maiores das súas colaboracións artísticas con Marcial del Adalid, fixo produción literaria e foi unha persoa moi preocupada polos problemas sociais do seu tempo, como reflicten os seus artigos sobre a situación mariñeira, agrícola, a infancia...", valora Laura Touriñán. Fanny Garrido foi tamén unha persoa interesada na cultura galega e participou en iniciativas como a Sociedade de Folk-Lore Galego, da que foi socia fundadora na xunta inaugural, xunto coa presidenta e promotora, Emilia Pardo Bazán, nun acto celebrado en 1883 na casa desta, na rúa Tabernas 11, actual sede da Real Academia Galega.

Na parte musical, Susana de Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo interpretarán "Bágoas e soños", "Frouseira, triste Frouseira", "Canto de berce", "A bordo", "Mondariz", "¡Pesoulle!", "A sorte" e "A noite de san Xoán".
 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar