A RAG abre o catálogo do Arquivo a través da Rede e dá acceso a máis de 3.700 documentos dixitalizados

O Arquivo da Real Academia Galega acaba de estrear unha nova fiestra na Rede que facilita o acceso ao público á totalidade do seu catálogo, composto por 32.628 documentos vinculados á historia de Galicia desde o século XI ata a actualidade. Este servizo en liña ofrece ademais copias dixitais de case 3.750 destes documentos.

Entroido na Coruña no ano 1916. Fotografía pertencente ao fondo de Manuel Casás, parte do Arquivo da RAG.


A institución completou a migración do rexistro descritivo do seu Arquivo desde o antigo sistema de xestión á nova aplicación no contexto do proxecto Arquivo Dixital de Galicia (ARPAD), promovido polo Servizo Xeral de Arquivos da Xunta de Galicia. A RAG activou na súa páxina, academia.gal, unha ligazón (http://academia.gal/arquivo-fondos) á web da devandita ferramenta, que dá acceso aos catálogos de máis de trinta arquivos de distintas institucións galegas.

O cambio facilita a consulta do Arquivo da RAG á comunidade investigadora e a calquera persoa interesada na historia e a cultura galegas, e con el a institución avanza no seu compromiso coa divulgación do legado que preserva. Desde esta nova plataforma, os usuarios poden xa acceder á copias dixital do 13 % dos documentos que custodia o Arquivo, que seguirá traballando para ofrecer cada día máis cun simple clic.

Entre os fondos dixitalizados por completo, figuran o dos irmáns da Iglesia, que inclúe documentación relativa ao cerco da Coruña polos ingleses no ano 1589 ou os textos orixinais dos Xogos Florais celebrados na mesma cidade no ano 1861; o fondo de Xohán Vicente Viqueira e a colección fotográfica de Pablo Beade, con imaxes de 1932 a 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina. O Arquivo prevé incorporar proximamente a esta plataforma a colección de pergameos, con documentos de 1088 a 1756 de compravendas, foros, sentenzas xudiciais ou bulas.

Están tamén xa dispoñibles en copia dixital manuscritos como o do poema "Os pinos" (letra do Himno galego) de Eduardo Pondal, da obra teatral O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte e de textos de Curros Enríquez, Fermín Bouza-Brey ou o padre Sarmiento; fotografías de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Marcial del Adalid; ou o tumbo de Caión (1582-1787).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar