A II Xornada de onomástica galega abordará os aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e dos apelidos

A onomástica persoal centrará o vindeiro 30 de setembro en Pontevedra a II Xornada de onomástica galega, baixo o título Os nomes e apelidos: aspectos legais sociais e lingüísticos. A Real Academia Galega organiza o programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións no Edificio Sexto. A entrada é libre.

Os procedementos para restituír os nomes e apelidos deturpados, a continuidade e variación na transmisión dalgúns apelidos galegos, os criterios para a restitución das formas normalizadas ou a normalización da antroponimia desde os centros educativos son algunhas das cuestións que abordarán as persoas convidadas das tres primeiras sesións, procedentes do mundo xudicial, a filoloxía, a normalización lingüística e o ensino.

O programa, dispoñible nesta ligazón, arrincará ás 10 da mañá coa sesión titulada "Aspectos legais: a onomástica persoal no Rexistro Civil e os procedementos para restituír a forma estandarizada. Datos, problemas e solucións", a cargo da avogada do Estado Consuelo Castro Rei e da maxistrada do xulgado nº1 de Caldas Encarna Dasi Dorelle.

Os aspectos lingüísticos serán abordados a partir das 12 horas por Ana Boullón e Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente. A coordinadora da xornada falará do proxecto do Dicionario dos apelidos galegos e a restitución das formas galegas, con propostas para o seu tratamento, e Gonzalo Navaza, da continuidade e da variación na transmisión dalgúns apelidos.

O programa retomarase pola tarde coas achegas de Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo, que se centrarán en estratexias para a difusión social das formas estandarizadas. Anxos Sobriño presentará unha proposta de campaña desde a Administración de xustiza para recuperarmos a nosa onomástica e Valentina Formoso dedicará a súa intervención ao traballo de normalización da antroponimia desde os centros educativos.

A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre os nomes propios na ficción literaria e audiovisual, moderada pola xornalista Marga Pazos, que contará co novelista e académico correspondente Xosé María Lema e os guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar