A colección de retratos de Rosalía de Castro da RAG, agora na Rede

O número de documentos conservados na Real Academia Galega dispoñibles en versión dixital a través de Galiciana segue a medrar. O Arquivo da institución ofrece no Arquivo Dixital de Galicia (https://arquivo.galiciana.gal) os retratos que conserva de Rosalía de Castro (1837-1885), escritora fundacional das nosas letras contemporáneas da que se celebrará o vindeiro 24 de febreiro o 180 aniversario do seu nacemento.
Rosalía de Castro (Arquivo da RAG)

A maioría dos documentos incorporados son fotografías da autora en distintos momentos da súa vida, entre elas a realizada polo estudio coruñés de Sellier convertida nunha das imaxes máis coñecidas de Rosalía de Castro, na que aparece cun chapeu de plumas. O mesmo retrato, feito nos primeiros anos de década de 1880, pode verse nunha copia en forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha tea.

Rosalía sendo aínda unha moza, no ano 1855, fotografada por Mr. Encausse et Cie -con estudio na rúa do Vilar de Santiago de Compostela-, un retrato realizado entre 1865 e 1875 ou a fotografía na que a escritora posa coa familia no exterior Casa da Matanza en xullo de 1884 son tamén parte das imaxes que incrementan desde hoxe os documentos da RAG dixitalizados dispoñibles a través de Galiciana.

A fotografía do retrato pintado por Ricardo Camino e unha tarxeta publicitaria de Ceregumil con debuxo e biografía de Rosalía datada entre 1910 e 1920 completan a relación de documentos.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar