A colección de pergameos enriquece os fondos da RAG dispoñibles na Rede

O Arquivo da Real Academia Galega acaba de completar unha importante incorporación aos seus fondos dixitalizados dispoñibles na Rede. A colección de pergameos da institución, 285 escritos do século XII ao XVIII, inclúe bulas, privilexios reais, foros, doazóns, contratos de compravenda, sentenzas xudiciais e outros manuscritos, de orixe pública e privada, agora dispoñibles para todo o público no Arquivo Dixital de Galicia. A RAG celebra así o Día Internacional dos Arquivos e, nas vésperas da conmemoración, propón unha viaxe á Idade Media, guiada polos académicos Pegerto Saavedra e Henrique Monteagudo, a través de dous destes pergameos destacados: o máis antigo e o máis vello dos escritos en galego que custodia da institución.

Fragmento do pergameo máis antigo escrito en galego da colección da RAG, con data de 10 de maio 1259. Refírese a unha venda de eguas ao mosteiro de Caaveiro


Desde o ano 2008, cada 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos, unha data para concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos e facilitar o seu acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. Composta por escritos en latín, galego ou castelán, parte dos pergameos que a RAG Galega fai públicos pertencen a diferentes fondos persoais. Outros son pezas separadas dos seus fondos orixinais que conforman unha colección facticia de orixe descoñecida.

O pergameo máis antigo da RAG, redactado en latín e datado en 1117, é un privilexio de Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro no que define o seu couto xurisdicional. Tamén ten a súa orixe neste mosteiro un escrito en galego de 1259, o máis antigo nesta lingua de todos os datados da colección. Relativo a unha venda de eguas, é un bo exemplo da época na que o galego aínda se estaba a introducir na linguaxe notarial. Ambos os escritos pertencen á colección facticia da RAG aínda que varios historiadores os sitúan no Fondo Murguía.


Detalle do pergameo máis antigo da colección da RAG, con data de 1117. Carta de couto na que o monarca Afonso VII lle fai concesión dun territorio ao mosteiro de Caaveiro


Da finalidade práctica inicial á reconstrución do pasado
O historiador Pegerto Saavedra explica a finalidade que tiñan documentos coma estes na súa orixe e a importancia que adquiriron hoxe en día. "Dicía o grande historiador francés Marc Bloch que os campos sen señor son campos sen historia. Para fortuna dos historiadores de Galicia (pero non tanto para a dos labregos e veciños de moitas"Os arquivos eran as 'armas' coas que os señores defendían o seu patrimonio. Non resulta raro que eclesiásticos e nobres fabricasen abundantes documentos falsos para legalizar a posteriori, como doazón de benefactores, o que antes tomaran pola forza" vilas que viviron sometidos ao poder señorial), a nosa terra tivo desde a Alta Idade Media moitos señores, principalmente institucións eclesiásticas e tamén estirpes da nobreza. As investigacións sobre os séculos VIII-XV están baseadas sobre todo en documentación procedente de mosteiros, mitras e cabidos e, de modo secundario, de casas da aristocracia. Os arquivos desas institucións e familias tiñan no entón unha clara finalidade práctica: constituían as armas coas que os seus donos acreditaban e defendían uns patrimonios formados por terras, décimos e outros privilexios variados, desde monopolios de pesca e caza até facultades de tipo político. Non resulta raro, polo tanto, que eclesiásticos e nobres fabricasen abundantes documentos falsos para legalizar a posteriori, como doazón de benefactores, desde reis a particulares, o que antes tomaran pola forza", contextualiza.

Séculos despois, a documentación señorial como a conservada na RAG non só permite coñecer a historia da institución á que pertenceu, tamén fai posible reconstruír como era a economía e a sociedade da comarca á que se refire. "As mencións á clase de gando, aos diversos cereais, aos modos de cultivo, aos frutais, ás construcións para o almacenamento… son de grande interese", salienta. Estes escritos históricos son ademais unha fonte esencial para a investigación filolóxica, para estudar desde a aparición dun idioma na escrita ata a toponimia e a onomástica.

O momento da introdución do galego nos documentos notariais
O 10 de maio de 1259 Sancho Fernández e a súa dona, Maior Fernández, asinaban unha venda de eguas ao mosteiro de Caaveiro. O documento que a recolle é, de todos os pergameos datados da RAG, o máis antigo escrito en galego, nun momento en que aínda empezaba a consolidarse a nosa lingua neste tipo de textos. "Aínda que"A partir do ascenso ao trono do rei Afonso X (1252) comeza a usarse cada vez máis o galego, pero antes de 1260 os documentos nesta lingua aínda son escasos" se conservan uns poucos documentos notariais redactados en galego desde a década de 1230-1240, ata 1250 a lingua que se utilizaba nestes textos era o latín, como na xeneralidade dos escritos, con excepción das cantigas trobadorescas. A partir do ascenso ao trono do rei Afonso X O Sabio (1252) comeza a usarse cada vez máis o galego, pero antes de 1260 os documentos nesta lingua aínda son escasos", explica o académico Henrique Monteagudo.

Un factor fundamental no impulso ao uso do galego no ámbito notarial e xudicial foi a reforma do notariado, coa designación de notarios del Rei, asignados a xurisdicións territoriais concretas (vilas ou terras), prosegue. Precisamente, neste documento cítase o rei Afonso X na fórmula de datación, e subscríbeo o notario del Rei nas terras de Trasancos e Bezoucos, Pedro Rodriguez. "A carreira deste notario, polo que sabemos del, é significativa", salienta o secretario da RAG: en 1250 e 1253 subscribe cadansúa carta do mosteiro de San Salvador de Pedroso (na terra de Trasancos), feita en latín; no tombo de San Xoán de Caaveiro recóllese unha carta del, como notario público del Rei, dado en Trasancos e Bezoucos, feita en 1252, e, xa en 1257, subscribe un documento en galego do mosteiro de Pedroso e en 1259 outros tres, tamén en galego, do de Caaveiro.

Henrique Monteagudo chama tamén a atención sobre as persoas nomeadas no documento. Maior Fernández é mencionada como filla de Fernán Pérez de Andrade, devanceiro do nobre do mesmo nome que se faría célebre nos últimos decenios do século XIV. Cítase tamén, na fórmula de datación, a Rodrigo Gómez de Trastámara, "ricome de Galiza", o aristócrata máis sobranceiro da Galicia de mediados do século XIII, derradeiro representante da célebre liñaxe de Traba - Trastámara.

No tocante ao asunto deste escrito, Pegerto Saavedra apunta que as eguas teríanas en parcería os vendedores e os cóengos, e que entre eles había algunha diferenza. "Por iso na escritura queda declarado que a venda é voluntaria e que non haberá reclamacións posteriores". Non indica cantas eguas se venden nin onde están, pero tendo en conta a situación do mosteiro e que nas serras dos arredores foi habitual a cría de gando bravo nos montes, pódese admitir que eran animais que estaban en pastos montesíos, o que acredita a importancia que na economía da época tiña esta actividade pecuaria.

A carta de couto de 117
A colección de pergameos da RAG arrinca cronoloxicamente no século anterior á devandita venda de eguas rexistrada en galego. O documento máis antigo é unha carta de couto, unha concesión, "verdadeira ou suposta", que o monarca Afonso VII lle dá ao mosteiro de Caaveiro dun territorio ben demarcado, indica Pegerto Saavedra. Leva data de 1117, pero os paleógrafos consideran que é posterior. "De calquera xeito, hai outro da mesma data que amplía moito o termo do couto e que, en opinión de José Luis López Sangil, seguramente foi redactado contra 1135 para conseguir que o monarca confirmase unha suposta doazón orixinal agora convenientemente alargada".

No territorio do couto, os cóengos van ter, ademais de dereitos de propiedade, privilexios de tipo señorial: os moradores do couto serán vasalos do mosteiro, que debe nomear xuíz (cando non o é o mesmo prior) e demais oficios encargados do goberno, cobrará diversas cargas, como a loitosa (unha res á morte do cabeza da casa), e gozará de monopolios como o da pesca no tramo do río Eume incluído nos termos doados.

As cartas de couto en beneficio en institucións eclesiásticas son frecuentes na documentación e, á parte de permitiren ver a importancia que tiveron as doazóns na formación dos patrimonios señoriais, resultan fundamentais para entender a organización politíco-administrativa do territorio, repartido en centos de pequenas circunscricións nas que bispos, mosteiros, cabidos e familias nobres exercían o seu poder. Este tipo de organización mantívose até a creación, no proceso de revolución liberal, dos novos municipios, xa na década de 1830, engade o académico.

A maioría dos documentos son de orixe eclesiástica
Ao igual que estes dous documentos destacados, a maior parte dos pergameos que custodia a RAG, máis de 200, teñen a súa orixe en institucións eclesiásticas. Oitenta e un proceden do mosteiro de Santa María de Monfero; 74, de Santa María de Sobrado dos Monxes; e 14, de San Xoán de Caaveiro.

A dispersión dos arquivos dos mosteiros é consecuencia dos avatares acontecidos desde a desamortización. Boa parte dos fondos eclesiásticos foron nacionalizados en 1835, o que supuxo que perdesen a finalidade e organización orixinarias para quedaren convertidos en patrimonio. "A miúdo foron parar a depósitos diversos, cando non remataron en mans de particulares ou destruídos", comenta Pegerto Saavedra. O Arquivo Histórico Nacional de Madrid garda hoxe moita documentación de mosteiros, conventos e igrexas de Galicia, pero outra parte está en arquivos galegos como o da RAG.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar