A Casa de Rosalía reabre cun renovado proxecto museográfico

Cadrando co 132 aniversario do pasamento da escritora fundacional das letras galegas contemporáneas e 45 anos despois da súa inauguración, a Casa Museo Rosalía de Castro reabriu o pasado 15 de xullo as súas portas estreando proxecto museográfico. A nova exposición incorpora espazos e pezas, entre elas varias prestadas pola Real Academia Galega.

Pepe Barro, á esquerda, guiando o público na reapertura da Casa Museo Rosalía de Castro. Fonte: @CasadeRosalía


A chisteira e unha cinta funeraria de Manuel Murguía son, xunto cunha carteiriña de Ovidio, fillo de Rosalía e Murguía, as tres pezas que a Real Academia Galega cedeu en depósito á Fundación Rosalía para que as amose nesta nova etapa da casa museo de Padrón, onde a autora viviu os derradeiros anos da súa vida. Nesta Casa de Rosalía "radicalmente nova", en palabras do presidente da fundación que leva o seu nome, Anxo Angueira, poden verse tamén varios retratos fotográficos da escritora, realizados por Encausse, María Cardarelly e L. Sellier, pertencentes ao Arquivo da RAG. Todas estes obxectos e documentos son parte da nova exposición permanente, deseñada por Pepe Barro e adaptada "aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora", e que se deu a coñecer nun "día histórico", engadiu.

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, salientou na súa intervención o que representa a Casa Rosalía para todas e todos os galegos e destacou que a RAG manterá nesta nova etapa o seu compromiso co que significa a fundación que preserva o seu legado, de cuxo padroado forma parte.

No acto inaugural tamén tomou a palabra a profesora Catherine Davies, profesora da University of London e experta na obra de Rosalía. O día anterior, a investigadora impartiu na propia Casa da Matanza unha conferencia para o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", que organiza a RAG.

A celebración da reapertura da Casa Museo Rosalía concluíu cun concerto de Amancio Prada, quen leva décadas musicando numerosos poemas de Rosalía.


Catherine Davis impartiu o 14 de xullo na Casa da Matanza unha conferencia sobre Rosalía para o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas da RAG

 


O alumnado dos cursos na horta da Casa de Rosalía
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar