A Academia presenta recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional

A Academia, por acordo do seu Plenario, decidiu presentar un recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional contra a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre o previo recurso de casación relativo á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia verbo do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario.
Logo da Academia


En cumprimento do previsto nos seus propios estatutos canto ás súas finalidades principais, a RAG vese na obriga a recorrer ao Tribunal Constitucional na defensa dos dereitos das persoas galegofalantes, que considera vulnerados polo devandito decreto, dando así continuidade ao procedemento xurídico iniciado coa demanda presentada no seu día perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O recurso de amparo presentado pola RAG está fundamentado nos seguintes argumentos:

1.A Constitución e o Convenio Europeo de Dereitos Humanos consagran o dereito fundamental á igualdade e a non sufrir discriminación por calquera circunstancia persoal.

2.O dereito á igualdade consagrado na Constitución refírese a unha igualdade material, o que obriga aos poderes públicos a promovela removendo os obstáculos que se interpoñan para acadala. Isto débese materializar en accións positivas de promoción das persoas ou colectivos historicamente marxinados.

3.En materia de lingua, estas medidas de acción positiva acóllense baixo a denominación de "normalización lingüística".

4.O mandato a prol da normalización lingüística está legalmente fundamentado en:

a.O artigo 3.3 da Constitución Española, que sinala que "a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección".

b.O Estatuto de Autonomía de Galicia, que no seu artigo 5.3 establece un claro mandato aos poderes públicos, que "garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento".

c.A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias subscrita polo Reino de España no máximo nivel de compromiso, e que segundo os sucesivos informes do Comité de expertos nunca foi enteiramente cumprida. Os compromisos formalmente adquiridos polo Estado español en materia de ensino están recollidos no artigo 8 desta e obrigan a ofrecer unha educación preescolar, primaria, secundaria, técnica e profesional garantida en lingua galega

d.A Lei de Normalización Lingüística, que insiste no dito mandato normalizador da lingua galega e o concreta en diversos ámbitos, nomeadamente o ensino (Título III).

e.A propia xurisprudencia do Tribunal Constitucional ten establecido que ambas as linguas oficiais (galego e castelán) deben ter unha presenza no ensino suficiente para garantir a consecución do obxectivo de igualdade.


5.O Decreto 79/2010 da Xunta de Galicia, que di desenvolver a LNLG, en realidade está en aberta contradición con esta, obviando o concepto de normalización e anunciando no preámbulo un cambio do marco legal, pese a que se trata unicamente dunha norma para o desenvolver.

6.O máis grave é que o dito decreto perpetúa a situación de inferioridade da lingua galega, afondando nos prexuízos contra a mesma, ao excluír taxativamente o seu uso nas materias de contido científico.


A Real Academia Galega entende que as devanditas consideracións fundamentan o recurso ante o Tribunal Constitucional, xa que poñen de manifesto a vulneración do dereito fundamental á igualdade non amparado na sentenza recorrida.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar