A Academia enriquece os seus fondos de Cabanillas co manuscrito da peza teatral 'A man de Santiña'

A Coruña, 22 de abril de 1919. O Pavillón Lino da Coruña acolle a estrea d'A man de Santiña, de Ramón Cabanillas, a obra escollida polo Conservatorio Nacional de Arte Galega da Irmandade da Coruña para a súa presentación. A peza simboliza ese día sobre o escenario o inicio dunha nova andaina para o teatro e a lingua galega: unha dramaturxia capaz de atraer a clase media urbana e que contribuíse así á normalización do idioma, demostrando a súa validez para todos os rexistros, artísticos e temáticos, e para toda a sociedade, incluídas as clases máis acomodadas. Noventa e oito anos despois, a Real Academia Galega acaba de enriquecer o seu Arquivo coa adquisición do manuscrito deste título senlleiro da literatura galega contemporánea, unha nova xoia que se suma a outros dous textos dactilográficos de gran valor do mesmo autor: A Virxe do Cristal. Lenda de Curros Enríquez axeitada para ópera e O Mariscal.

Ramón Cabanillas asinou o texto autógrafo d'A man de Santiña o 7 de decembro 1918, só catro meses e medio antes da súa estrea na Coruña. Foi o propio Antón Villar Ponte, principal promotor do Conservatorio Nacional de Arte Galega, quen, na procura dun teatro culto que deixase atrás a tradición rexionalista, lle encargou a peza para o debut da compañía ao escritor cambadés, naquel tempo xa unha figura consagrada das letras galegas. O resultado foi "unha delicada comedia de amor" que se desenvolvía nun pazo e que "rompía coa tradición ruralista e presentaba en escena a persoas das clases sociais máis altas falando galego", resume a profesora Laura Tato Fontaíña na presentación do volume O teatro nas Irmandades da Fala, publicado en 2016 pola Real Academia Galega, nunha edición ao seu coidado, co gallo do centenario das Irmandades. "Era, por tanto, a primeira comedia contemporánea de costumes señoriais".

Ao abeiro de Enrique Peinador
O manuscrito d'A man de Santiña consta de 49 follas numeradas en encadernación holandesa en cartoné e tea. Escrito en tinta e con anotacións e correccións a lapis, presenta un superlibris no lombo coa lenda E. P. L, as iniciais de Enrique Peinador Lines. Esta procedencia, a de Peinador, é común a outros manuscritos do mesmo autor e demostra a estreita relación que mantiña co empresario e filántropo. De feito, a obra foi publicada por primeira vez, en 1921, na imprenta do balneario de Mondariz, onde Peinador ofreceu abeiro a Cabanillas e outros intelectuais galeguistas. Este foi tamén o escenario onde se desenvolveu, o 31 de agosto de 1920, a cerimonia de ingreso do escritor na Real Academia Galega.

Con esta nova adquisición, ademais de evitar que o manuscrito puidese acabar fóra de Galicia, a RAG arrequece os fondos que custodia dunha figura capital das letras galegas do século XX. Entre eles, xa contaba con outras dúas pezas dramatúrxicas: A Virxe do Cristal. Lenda de Curros Enríquez axeitada para ópera, a primeira ópera literaria galega, na que Cabanillas versiona para este xénero musical o poema narrativo do escritor do Rexurdimento e volve teimar na procura de novos espazos de expresión artística para o galego; e O Mariscal, obra asinada xunto a Antón Villar Ponte e centrada na historia de Pardo de Cela que ilustra tamén o empeño das Irmandades da Fala en facer do teatro un vehículo de propagación de símbolos colectivos ao servizo do seu ideario sociopolítico.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar