A Academia e a Deputación da Coruña poñen en común iniciativas para o futuro da lingua

 O presidente da Real Academia Galega mantivo hoxe a primeira xuntanza institucional desde a súa elección co presidente e a vicepresidenta da Deputación da Coruña. No encontro, Víctor F. Freixanes, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei puxeron en común distintas liñas de colaboración para contribuír a afortalar o futuro da lingua e a cultura galega.

Pola esquerda, Goretti Sanmartín, Valentín González Formoso, Víctor F. Freixanes, Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo. Autor: Deputación da Coruña


No encontro, na sede da Deputación da Coruña participaron tamén o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, Marilar Aleixandre. Víctor F. Freixanes, agradeceu a "sensibilidade" que amosa a Deputación da Coruña, unha das institucións que "colabora con maior compromiso" no funcionamento da Real Academia Galega.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a "longa traxectoria de colaboración" entre ambas as entidades e felicitou a Freixanes pola súa nova responsabilidade á fronte da RAG "unha institución centenaria, da que nos sentimos orgullosos, e que ao longo da súa historia se caracterizou sempre polo seu traballo a prol da cultura galega".

A vicepresidenta e responsable de Normalización Lingüística da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, repasou iniciativas desta área e fixo fincapé na Ordenanza de usos do galego que se aprobou no pasado pleno da institución provincial. "Estamos sentando as bases para que se fomente a utilización do galego desde todas as áreas", explicou.

A Deputación da Coruña colabora no financiamento das actividades da Real Academia Galega a través dun convenio que se asinará proximamente. Entre outros programas, participa nos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia "Galego sen Fronteiras", na elaboración do Estudo sociolingüístico que avalía as competencias e usos lingüísticos na infancia e no proxecto web Primavera das letras, que fornece a comunidade escolar de contidos didácticos arredor do Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega e a Deputación da Coruña, xunto co Museo do Pobo Galego, tamén conmemoraron da man o pasado ano o centenario do nacemento das Irmandades da Fala, movemento cuxo legado rescataron coa exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!".

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar