A Academia apoia que o aeroporto da Lavacolla leve o nome de Rosalía de Castro

A Real Academia Galega congratúlase polo paso dado onte polo Concello de Santiago para que o aeroporto da Lavacolla leve o nome de Rosalía de Castro. O pleno municipal aprobou por unanimidade instar ao Ministerio de Fomento e a AENA a cambiaren a denominación nunha declaración pactada por todos os grupos, partindo dunha moción presentada por Compostela Aberta que fora apoiada pola Real Academia Galega, entre outras institucións.
Rosalía de Castro (Arquivo da RAG)

O presidente Xesús Alonso Montero foi o encargado de manifestar por escrito, en representación da RAG, a "adhesión entusiasta" a esta iniciativa para que o aeroporto compostelán se denomine "canto antes" Aeroporto Rosalía de Castro, "nome que debería figurar en letras supermaiúsculas e luminosas, como luminosa é a vida e a obra literaria de Rosalía de Castro". "Permítaseme que, como cidadán da cultura galega, e non só como académico, me solidarice con esa proposta e me solidarice co máximo fervor", engade Xesús Alonso Montero no texto de adhesión.

"Cando no futuro cheguen a este aeroporto viaxeiros estranxeiros, a nova denominación convidaraos a interesarse pola vida e a obra da grande escritora, e cando os que cheguen sexan galegos, estou seguro de que todos eles experimentarán unha emoción especial ante o nome de quen foi a nosa defensora e a voz da Literatura galega moderna", conclúe.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar