“O obxectivo de Carlos era Galicia, a súa lingua e a súa cultura, e arredor diso desenvolveu toda a súa actividade”

Este 17 de maio a Academia celebrará o acto central do Día das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares en Xinzo de Limia, o lugar onde medrou e onde agromaron boa parte das claves do seu xeito de ver o mundo e de contalo. Desde os catro anos, este universo compartiuno co seu irmán pequeno, Xavier, hoxe presidente da fundación que preserva o seu legado. A entidade impulsou unha morea de iniciativas para relanzar a figura poliédrica do narrador, articulista, académico, editor e xestor cultural, que faleceu inesperadamente con só 60 anos. Conversamos con Xavier Casares sobre a vida e a obra do seu irmán, quen hoxe, adiviña, faría fincapé a respecto da lingua e da cultura galegas no mesmo que subliñaba décadas atrás: a necesidade de promover a transmisión xeracional da lingua galega; "para el era algo fundamental".

Xavier Casares. Fonte: Fundación Carlos Casares


Carlos Casares dicía que os escritores importantes non sempre eran personalidades interesantes. As persoas que o trataron adoitan coincidir en que no seu caso non só foi un escritor de altura, senón tamén unha persoal especial, dialogante, gran conversador e cun humor especial. Canto do Casares máis íntimo hai na literatura que produciu e cando empezou a se definir o Carlos que logo sería escritor?
Carlos foi un neno normal, traste, pero moi escoitador e moi sedutor. Interesáballe todo aquilo que escoitaba, sobre todo as narracións que nos contaban o noso avó e a nosa avoa paternos. Tiñan dúas formas de narrar distintas: el era un home moi obxectivo, sen ningunha concesión á fantasía, e contaba sobre todo cousas que lle ocorreran na vida; a nosa avoa era unha muller máis dada á fantasía, a falar da Santa Compaña, dos desaparecidos.

El dicía en 'Un País de palabras' que quen máis lle influíu no seu xeito de narrar foi o avó Herminio, máis pegado, como acaba de dicir, á realidade, pero quizais hai nas páxinas que deixou escritas tamén algunha pegada da avoa Francisca.
Penso que as dúas formas de narrar influíron na súa posterior capacidade para contar cousas, para contar o mundo, como el dicía. Eu non son especialista en literatura, só un lector empedernido, pero Vento Ferido, Cambio en tres e Xoguetes para un tempo prohibido son títulos onde pode haber algo de autobiografía e de experiencias vividas, mentres que logo hai outra forma de narrar, que é a de Un país de palabras, Ilustrísima e Os escuros soños de Clío, onde aparece ese humor tan retranqueiro que tiña Carlos, que formaba parte da súa vida tamén, da súa relación coa xente. Era un home cun humor moi fino.

A novela 'Ilustrísima', malia non ser autobiográfica, está inspirada nun parente que foi arcebispo de Santiago de Cuba. A partir da realidade, crea un personaxe literario entrañable nun libro cheo dese seu humor, e cunha mensaxe a favor da tolerancia e contra o fanatismo que están tamén na cerna do seu pensamento.
Pois si, Enrique Pérez Serantes, primo carnal da nosa avoa materna, influíu para perfilar o personaxe de Ilustrísima. Primeiro foi bispo de Camagüey e despois arcebispo de Santiago. Era un home bonachón e moi liberal. En prinicipio abrazou á revolución de Fidel Castro fronte á ditadura de Batista. Ignacio Uría, catedrático de Navarra, ten un libro que titula Iglesia y Revolución en Cuba. Enrique Pérez Serantes (1883-1968): el obispo que le salvó la vida a Fidel Castro, e o que di o título é certo. Viña con frecuencia a España, cada tres ou cada catro anos, e unha visita obrigada era a nosa casa. Coñecémolo sendo pequenos e, efectivamente, a Carlos sempre lle chamou a atención o bonachón que era, lonxe da visión que podería ter dun bispo como unha persoa altiva.

Esa referencia familiar explica tamén que de neno quixera ser bispo, pero con moto e casado.
Con moto, con cabalo e casado (ri). A familia por parte da nosa nai era moi clerical, ela tiña dous irmáns curas e ao quedar orfa de pai moi noviña, con nove anos, criárase cun cóengo da catedral de Ourense, Faustino Pérez Congil, primo carnal da nosa avoa. Un dos nosos tíos tiña unha moto, unha "Norton", e outro tiña un cabalo, e Carlos quería aproveitar iso de cada un e ser un bispo casado.

Facíao Carlos, como irmán vello, partícipe das súas lecturas? Que era o que máis lle gustaba ler cando era cativo?
"Os cómics de 'Suchai' eran unha das lecturas que máis nos engaiolaban. E logo había uns libriños que viñan co azafrán. Carlos facíalles estanterías coas caixas de puros que fumaba o noso pai"Cando eramos nenos liamos os cómics de Suchai, O pequeno limpabotas, eran unha das lecturas que máis nos engaiolaban. E logo había uns libriños pequenos que viñan cos paquetiños de azafrán. Como sabían que nos gustaban, na tenda onde mercaba a nosa nai gardábannolos e dábanllos. Foi aí cando Carlos empezou a interesarse polas cousas pequenas. Para estes libros pequeniños, que creo que eran contos de Calleja, construía estanterías coa madeira das caixas dos puros que fumaba o noso pai.

E gardábaos coma tesouros, como logo o serían para el as maquetas de trens, as cámaras de fotos ou as edicións en distintos idiomas de 'O principiño'.
Si, aí empezou a súa afección por coleccionar cousas.

Pero cando empezou a interesarse en maior medida polo mundo dos libros? Vostedes medraron nu ambiente no que, tendo en conta a época, tiveron acceso á cultura desde nenos. O seu pai era mestre e esa familia materna clerical imaxino que tamén llela facilitou.
Contacto cos libros tívoo na casa e na casa dos nosos tíos cregos, que tiñan a súa biblioteca, pero Carlos empezou realmente a ser lector no seminario. Alí tivo un profesor de literatura, don Agustín Madarnás, que o influíu nas lecturas e o estimulou para que escribise. Facíalle ler as súas redaccións na clase e foi ao ver o interese dos compañeiros, segundo el mesmo contaba, cando empezou a crer, a pensar, que quería ser escritor.

No seminario de Ourense tamén editou 'El Averno', un periódico de dúas follas nas que inventaba entrevistas e amosaba xa o seu gusto pola ironía como elemento de crítica.
El era o redactor e director de El averno, que escribía en columnas, como as dos periódicos aos que tiña acceso. Nel facía unha crítica de como se vivía no seminario, que tiñan aspectos moi duros. O curioso e que este profesor, Agustín Madarnás, nalgunha ocasión mandoulle ler algún dos artigos de El Averno. Para a preparación da exposición Os mundos de Carlos Casares estivemos no seminario tratando de atopar algún exemplar, pero non fomos capaces de encontrar ningún.


Carlos Casares, á dereita, co seu irmán Xavier nunha imaxe en Suecia en 1974. Fonte: Arquivo persoal de Carlos Casares


Xa estudante universitario, deuse a coñecer como poeta nunha Compostela na que entrou en contacto co galeguismo cultural. Como foi o tránsito da poesía á narrativa, o xénero que lle reportou un lugar destacado nas letras galegas da segunda metade do século XX?
Antes xa tiña feito algo de poesía, pero empezou a escribir máis cando coñeceu a Uxío Novoneyra (en Ourense). Este faloulle dun poeta novo lugués que vivía en Santiago, Arcadio López-Casanova, que xa publicara un libro (Hombre último). A Arcadio coñeceuno despois en Santiago, onde tamén fixo amizade con Salvador García-Bodaño. En 1963 gañou o terceiro dos premios das Festas Minervais, nas que Arcadio e García-Bodaño levaran o primeiro e o segundo. Pero co tempo deixou a poesía, e tampouco lle interesaba moito a súa produción poética. Non tiña especial interese en falar da etapa de poeta, o que a el lle interesaba era realmente a narración e, de feito, penso que como narrador deixou obras realmente maxistrais.

Empezando por ese primeiro libro que publicou sendo aínda estudante universitario, con só 25 anos, en 1967, os relatos de 'Vento ferido'. Cal era a súa rutina de traballo como escritor? Carlos Casares dixo nalgunha ocasión que el entendía a literatura como escribir o que lle petaba, e que se despois iso lle gustaba á xente, encantado. Pero a fluidez, a sinxeleza da súa obra que tanto facilita a lectura é difícil de conseguir, non parece indicar que tomase á lixeira a literatura, nin que non tivese en conta o público.
"Interesáballe moito que o lector conectase coa obra e que pasase un momento agradable lendo, chegara á conclusión de que para gañar lectores en galego tiñan que se divertir coa lectura"Si, a el interesáballe moito que o lector conectase coa súa obra e que pasase un momento agradable lendo, chegara á conclusión de que para gañar lectores en galego tiñan que se divertir coa lectura. Para Carlos a sinxeleza non se correspondía cun escritor que escribe de corrido. Facía o que chamaba el un copión: se estaba escribindo unha narración, escribíaa dunha sentada e logo, sobre ese copión, elaboraba a narración definitiva, que lle levaba moito tempo. Dáballe moitas voltas, leíalle o texto á xente que el consideraba que tiña criterio para facer algunha crítica ou apuntarlle algo interesante, pero era unha elaboración realmente lenta e moi traballosa para el.

Quedoulle pena de escribir máis? Certo é que durante dez anos asinou a diario a súa columna "Á marxe" en 'La Voz de Galicia', pero os compromisos que asumiu como parlametario, como editor ou como presidente do Consello da Cultura Galega, non lle deixaron moito tempo para se dedicar á escrita.
Si, Carlos era unha persoa moi poliédrica, con moitas teclas que tocar. Tiña un obxectivo: Galicia, a súa lingua e a súa cultura, e arredor diso desenvolveu toda a súa actividade cultural. Por exemplo, a súa obra xornalística ía orientada a gañar lectores para o galego, igual que a súa obra literaria para adultos ou a infantil. Tamén tivo moitas dedicacións distintas á literatura: foi presidente do PEN Club de Galicia, presidente do Consello da Cultura Galega, editor e director de Galaxia, membro da Real Academia Galega... Todo isto quitoulle tempo para facer unha obra literaria máis extensa, e algunha vez comentou que lle gustaría escribir máis. Pero ao mesmo tempo o labor que estaba a realizar nesas entidades era moi importante para o desenvolvemento do noso pais.

Parafraseando ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, estaba empeñado en buscar tesouros, novos públicos para as letras galegas, cos seus libros e coas súas columnas diarias, coas que foi capaz de chegar a persoas que moi ocasionalmente len en galego.
Si, Víctor F. Freixanes fixo unha definición de "Á Marxe" moi axeitada, dixo que era un libro aberto e, efectivamente, así o era. A única vez que quedou baleira esa columna do xornal foi o día que morreu, La Voz de Galicia deixouna en branco. Durante dez anos, ningún día faltou, estivese onde estivese, en calquera parte do mundo, sempre cumpría co seu compromiso de escribir "Á Marxe".

Como lector, cal é a súa obra favorita de Carlos Casares? Quizais inflúa o feito de que fose o seu irmán nesa escolla.
A min gústame moito Ilustrísima porque recoñezo moito dos personaxes que están aí e moitos dos espazos nos que estes se desenvolven, e n'Os escuros soños de Clío hai un conto que me entusiasma, "O xudeu Xacobe". Xa como obra redonda penso que o seu derradeiro libro, O sol do verán, é unha obra literaria extraordinaria.

Como están a vivir desde a Fundación Carlos Casares este ano? O seu recordo aínda está vivo para moitos lectores e lectoras, pero ata que punto está servindo para incrementar a difusión da súa obra literaria e da súa figura?
"Desde a Fundación estámoslle prestando moita atención a todo aquilo que ten repercusión sobre a infancia porque pensamos que o futuro deste país está nos nenos e as nenas"Ao pouco de que me chamase o anterior presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, para nos comunicar que se lle concedera o Día das Letras Galegas de 2017 a Carlos, desde a fundación empezamos a traballar para ver como podiamos aproveitar esta celebración para relanzar a súa obra, e niso estamos. Temos unha exposición que vai percorrer toda Galicia, Os mundos de Carlos Casares, onde queda reflectida a súa obra e a súa vida en todos os aspectos, desde a súa infancia ata o momento da súa morte, as súas coleccións, o seu paso polas distintas institucións... Temos tamén outras exposicións que están percorrendo centros escolares e asociacións culturais, e estámoslle prestando moita atención a todo aquilo que ten repercusión sobre a infancia porque pensamos que o futuro deste país está nos nenos e as nenas, e hai que gañalos como lectores desde moi pequeniños.  Ese era o criterio que tiña Carlos, e desde ese criterio é co que nós estamos traballando.

Carlos Casares deixou escrita unha obra para o público máis novo non extensa pero que mantén a súa vixencia, con títulos emblemáticos como 'Galiña azul' ou 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', unha obra teatral que segue a ser representada nas escolas de todo o país. Supoño que é moi emotivo para vostedes ver que son títulos que seguen a ter éxito.
Si, é emotivo, e fundamental, como dixen, para gañar os nenos e as nenas para a lectura en galego. Cando Carlos escribiu A Galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas practicamente non había libros e obras de teatro para os máis pequenos na nosa lingua. Carlos escribiunos como unha obrigación como escritor, para darlles aos máis pequeniños material para que puidesen introducirse na nosa lingua. E non só escribiu títulos para eles, tamén traduciu, por exemplo, O principiño. Todo isto fixoo para que tivesen ferramentas para poder aproximarse ao galego.

É díficil poñerse na cabeza doutra persoa, pero como pensa que vería hoxe a situación da nosa lingua e da nosa cultura?
Penso que nestes momento sería un observador obxectivo da situación que se está producindo. Queda moito por facer, pero temos unha radio galega, unha televisión galega e un ensino en galego... Pero de todas formas o importante é que os pais, sobre todo os que son galegofalantes, lles falen en galego aos nenos, cousa que eu penso en moitas familias non ocorre. Cando el estaba no Parlamento de Galicia deseñara unha campaña orientada aos pais dicíndolles "Fálalle galego".

Trinta e tres anos despois seguiría daquela insistindo no mesmo, na importancia da transmisión xeracional da lingua.
Exactamente, para el iso era fundamental.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar