“A revista 'Estudios Gallegos' é a primeira das formulacións máis modernas do galeguismo”

"Se queren coñecer máis polo miúdo o que hai detrás das Irmandades da Fala, eu convídoos a que se introduzan na revista Estudios Gallegos, que é en realidade a primeira das formulacións máis modernas do galeguismo". O historiador e membro da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro abriu onte o ciclo de mesas de debate da institución dedicado ás Irmandades da Fala profundando nesta publicación, que apareceu antes da fundación dun movemento que cumpre cen anos.
O historiador e académico Xosé Ramón Barreiro
Pola esquerda, o historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, nun momento da conferencia, acompañado polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Autor: RAG


Baixo o título O marco histórico das Irmandades da Fala, Barreiro Fernández analizou o nacemento dos movementos nacionalistas que se espallaron por toda Europa a comezos do século XX, como resposta de distintos pobos ao sometemento dos tres grandes poderes xeopolíticos do momento: Alemaña, o Imperio austrohúngaro e o Imperio otomano. Na España daquela época o nacionalismo prendeu sobre todo no País Vasco e en Cataluña e en menor medida en Galicia, e iso foi así, porque aquí "mandaba quen mandaba", salientou o historiador en referencia ao reducido número de familias que repartían entre si o xogo político. "É imposible, xa que logo, pensar, soñar que, cunha representación como a que tiñamos, Galicia puidese ter autonomía para construír algo novo".

En contraste con este xeito de facer política, a revista Estudios Gallegos, que dirixiu entre 1915 e 1916 desde Madrid o escritor e xornalista galego Aurelio Ribalta, defendeu unha serie de reformas integrais que Galicia debería levar a cabo para saír da situación na que se atopaba, ideas que anticiparon as logo defendidas polas Irmandades. "Desde esta revista apóstase claramente pola modernidade económica nun momento en que Galicia, en canto se sae das cidades, segue vivindo na Idade Media, unha Galicia atrasada para a que se traza un proxecto que pode parecer moitas veces utópico, pero con moitos contidos relevantes", puxo como exemplo Barreiro. Outras reivindicación recollidas nesta publicación das que beberon as Irmandades da Fala son as referidas á conexión ferroviaria de Galicia con outros puntos da península Ibérica ou "a reforma, unha vez máis, das deputacións, que pasarían a ser integramente controladas polos concellos".

Ribalta tamén defendeu desde a súa publicación a lingua galega con argumentos que seguen a ter vixencia. "Cando os promotores desta revista dicían que non teremos país mentres os rapaces non falen galego nas escolas estaban ditaminando algo correcto e verdadeiro, o que sucedía é que non había forma posible de encamiñar iso pola precariedade de medios cos que se encontraban. Isto si que o tomaron as Irmandades da Fala con posterioridade, pero tampouco souberon darlle resposta, porque non se pode responder a problemas que un non pode resolver. Iso tivo que vir despois da Autonomía de Galicia, e niso estamos", concluíu.

A intervención do profesor Barreiro abriu o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, organizado pola RAG co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Previamente, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, avanzaron as claves do programa, que se pechará no mes de decembro tamén na RAG despois de percorrer as sete principais cidades do país, seguindo a ruta marcada pola itinerancia da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!. Catro das nove mesas de debate profundarán no ensaio e a oratoria, o teatro, a narrativa e a poesía que cultivaron as Irmandades, xéneros aos que a RAG lles dedicará cadansúa antoloxía, que serán editadas ao longo do segundo semestre de 2016. O mundo da ilustración, as iniciativas xornalísticas e editoriais deste movemento, as súas ideas lingüísticas e os seus protagonistas centrarán as demais mesas de debate, que contarán coa participación de máis dunha trintena de expertos e expertas, parte deles membros da Academia.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar