“A máis rexa personalidade da nova vida xeracional galega” entra na Academia

"Coa incorporación ao ámbito académico do escritor limiense, incorporaráse un dos valores literarios de máis rexa personalidade da nova vida xeneracional galega á laboura futura da Corporación". Francisco Fernández del Riego dedicaba en 1976 estas palabras a Carlos Casares na carta remitida á Real Academia Galega para defender a súa idoneidade como candidato a se converter en académico. O texto forma parte do expediente da RAG de Casares, quen tempo despois, cando aínda non fixera os 37 anos, se convertería no seu membro de número máis novo do momento. Nas vésperas do aniversario do seu ingreso na institución, a Academia difunde este e outros documentos conservados no seu Arquivo relativos ao proceso que culminou o 27 de maio de 1978 -algún deles manuscritos- asinados por figuras senlleiras da nosa cultura nesta ligazón.

Carlos Casares, nunha foto realizada na sede da Real Academia Galega en 1997, conversa con Francisco Fernández del Riego. Entre eles, o académico Salvador García-Bodaño. Fonte: Xosé Castro / RAG


Nadal de 1975. Está a piques de rematar o ano no que saíu do prelo Xoguetes para un tempo prohibido, a terceira obra de narrativa para adultos de Carlos Casares, despois da publicación de Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969). Este retrato da súa xeración, a da posguerra, axiña acada catro edicións, merece o premio convocado pola editorial Galaxia polo seu vixésimo quinto aniversario e ao ano seguinte valeralle o primeiro Premio da Crítica Española na modalidade de literatura en galego.

Nadal de 1975. Marino Dónega, Ramón Piñeiro e Domingo García-Sabell remiten por carta á Real Academia Galega a súa proposta para cubrir a vacante producida polo pasamento do historiador Xesús Ferro Couselo. O candidato é el, Carlos Casares, profesor de Lingua e Literatura Española no instituto de Cangas do Morrazo e "un dos valores máis prestixiosos da literatura galega actual, tanto no campo da creación como no da crítica", salientan os tres asinantes. Os libros para adultos que leva publicados ata o momento "representan un dos esforzos máis logrados de renovación da prosa literaria galega", engaden os académicos. Tampouco esquecen as súas incursións na literatura infantil cos títulos A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, "ambas galardoadas en Galicia e traducidas pola profesora Solita Salinas de Marichal – Soledad Salinas, filla do poeta Pedro Salinas e editora da súa obra- para seren utilizadas nun centro escolar de Harvard".


Detalle do escrito remitido á RAG por Domingo García Sabell, Ramón Piñeiro e Marino Dónega propoñendo a Carlos Casares para cubrir a vacante producida polo pasamento de Xesús Ferro Couselo. Fonte: RAG


A tradución ao galego de Le Petit Prince de Saint-Exupéry, o estudo crítico sobre Curros Enríquez ou a sección de crítica literaria que mantén o mozo limiao nesa época no suplemento dominical de La Voz de Galicia son outros méritos que detallan nesta misiva, o primeiro documento do monllo de papeis arredor da súa proposta e posterior nomeamento como académico que poden consultarse nesta ligazón.

Entre os escritos que a RAG fai públicos figuran tamén os informes sobre os méritos de Carlos Casares solicitados a Francisco Fernández del Riego e Isidoro Millán González-Pardo e Henrique Chao Espina. O primeiro deles, nunha carta asinada en Vigo en xuño de 1976, asegura "sin dúbida" que Casares é "antre os escritores mozos, o que acadóu meirande sona, tanto nos meios galego, como no mundo das letras de fora de Galicia". Este e outro feitos que destaca, que inciden na mesma liña da primeira carta, "constitúen probas ben patentes para que Don Carlos Casares poida entrar con todo merecemento no seo da nosa Corporación", conclúe Francisco Fernández del Riego.

Con data do 15 de novembro de 1976, Isidoro Millán-González Pardo profunda na análise das distintas facetas de Carlos Casares e advirte ademais que a provisión de vacantes da RAG non debe concibirse só "como un puro reparto de galardóns literarios sen outras contraprestación", senón como "un armónico axustamento de homes capaces e dispostos de levar adiante, con ánimo constructivo e solidario, as angueiras comúns da Academia no vasto campo de cultivo e investigación que éla abrangue". Deste xeito, remata o informe cualificando de "moi ventaxosa pra a Academia" a súa elección.

Ademais da valoración dos seus méritos, Henrique Chao Espina asina, a comezos de maio de 1978, un dos outros tres informes encargados a membros da RAG sobre o discurso de ingreso na institución que lerá ese mesmo mes o novo académico, O desastre de 1898 e os escritores galegos, no que dá conta das repercusións no mundo das letras galegas daquel episodio nun momento de moi estreita relación entre Galicia e Cuba, daquela lugar de destino de multitude de emigrantes galegos. "(…) Casares Mouriño alenta o seu estudo de cara e na entrana da Galicia, e fainos ollar o que pasaba, e canto aconteceu na nosa sufrida terra de caciques, emigrantes e pobreza. Casares ergue a voz do pobo, misturada coa dos escritores e patriotas galegos, de xeito que todo decorre como nun reportaxe de cinema: vivo e latexante", louva Chao Espina no texto manuscrito.

Os outros dous ditames son autoría de Rafael Dieste e Jenaro Marinhas del Valhe. O primeiro valora do ensaio de Casares "a virtude de trager lus á conciencia galega sobre o sentir dos nosos devanceiros" que viviron de a cabalo entre os séculos XIX e XX. Jenaro Marinhas aplaude, pola súa banda, "o rigor e axilidade" amosados para abordar "un interesante e pouco frecuentado tema". "Un belo e útil instrumento o que Casares aporta para o coñecimento da actitude galega frente a uns acontecimentos que comoveron a España finisecular que contemplou a derrubada total do triunfalismo patrioteiro nascido após da chamada guerra da Independencia, e que non está isento de oportunidade recordar nos días de hoxe nos que tamen outras (ou, acaso, as mesmas) bandeiras triunfais esfarrápanse aos ventos", sentencia.


Detalle do informe de Henrique Chao Espina sobre o discurso de ingreso na RAG de Carlos Casares. Fonte: RAG


Entre a documentación figuran tamén a carta na que se lle comunica a Carlos Casares o seu nomeamento como académico electo -na sesión da RAG celebrada o 15 de maio de 1977- e a súa resposta de agradecemento. Por último, inclúese o escrito no que se informa da celebración da cerimonia de ingreso do novo numerario. O acto celebrouse o 27 de maio de 1978 no daquela Instituto Feminino de Ourense e o encargado de lle dar resposta ao discurso de Casares foi Francisco Fernández del Riego, quen lle puña o ramo ao acto con estas palabras dedicadas ao novo compañeiro: "El, coma nós, sabe moi ben que se non debe abandonar a urdime telúrica que inspiróu ás xeneracións devanceiras; e, ao mesmo tempo, que non hai que deixar de mirar ao horizonte universal como unha meta dos nosos ideáis. Casares, na súa obra literaria e na súa actitude humana, ten adicado os seus mellores esforzos ao noso pequeno orbe galego, porque se conciencióu de que nel se conteñen tódalas circunstancias que integran o noso ser e o noso canto. Ao recibir hoxe na Academia, ao gran amigo e ao gran escritor, sentímonos emocionadamente sabedores de que, coa súa incorporación ás tareas comúns, sumamos unha aportación viva e anovadora ao mundo da cultura galega".

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar