O galego no mundo

Por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, o lugar 23 entre as 150 linguas europeas e é a segunda lingua europea máis falada entre as non oficiais en ningún estado. O galego ten máis falantes que algunhas linguas oficiais europeas como eslovaco, esloveno, maltés, islandés e gaélico e, xunto con vasco e catalán, son as tres únicas linguas europeas non oficiais de estados que poden ser utilizadas nas institucións da Unión Europea.

O galego está ben asentado no mundo cultural en Galicia: 1980 editáronse en galego 187 títulos e en 2010, 2.500. Na actualidade é unha literatura recoñecida en todo o mundo e o volume de obras literarias galegas traducidas a outras linguas vai en aumento. Tamén, en galego, existe unha importante produción teatral e audiovisual.

Por outra parte, o galego é lingua de uso nas aplicacións máis utilizadas na rede: navegadores como Firefox, Chrome ou Explorer; os buscadores Google ou Bing; as redes sociais Facebook e Tuenti; os xestores de contidos Wordpress ou Xoops. Tamén funcionan en galego distintos tradutores e aplicacións comerciais e de software libre.

O galego encóntrase entre as 30 linguas máis usadas na internet no mundo, por diante de linguas que o triplican ou quintuplican en número de falantes. No que atinxe á Wikipedia, atendendo á calidade, a Galipedia ocupa o posto número 36; segundo o número de artigos, o número 43 -tendo en conta que non se empregan robots para a edición, mentres outras linguas si o fan- e, por último, ocupa o posto 33, segundo o número de artigos por número de falantes.

Tamén é lingua regularizada no mundo político e no mundo educativo, xa que, segundo establece a lexislación, a metade das materias escolares son impartidas en lingua galega. A súa introdución no ensino promoveu unha edición cada vez maior de recursos e materiais didácticos e pedagóxicos en galego. Cómpre indicar que, na actualidade, o galego estúdase en máis de corenta universidades. A maior parte delas teñen lectores –licenciados en Filoloxía Galega ou en Tradución e Interpretación- asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua e cultura galegas adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática, cursos de conversa, lingua e civilización, literatura etc.). Existen Centros de Estudos Galegos en universidades de Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, España, EEUU, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido ou Rusia. Moitos estudantes destes e doutros países asisten durante o verán aos Cursos de Lingua Galega para Estranxeiros que se imparten nas tres universidades galegas.

Aínda que non plenamente normalizado, o galego está moi presente nas administracións locais e autonómica e é a lingua máis empregada nestes eidos.

Onde o galego non ten unha presenza maioritaria é no mundo empresarial, nos medios de comunicación privados, no mundo relixioso e no campo xurídico, ámbitos nos que os prexuízos ideolóxicos en contra do uso do galego aínda están moi presentes.

Se ben as últimas estatísticas indican que o uso do galego descendeu moito entre a xente nova e urbana –debido á perda de transmisión familiar e á insuficiencia das medidas normalizadoras-, o galego aínda segue a ser a lingua habitual do 40% dos habitantes de Galicia, mentres que outro 35% usa indistintamente galego e castelán en función das circunstancias. As estatísticas tamén indican que o 98% dos galegos entende o galego sen dificultade, isto é; ten un coñecemento pasivo que se podería activar se se introducisen medidas claras que favorecesen o seu uso. Nos territorios exteriores de lingua galega, o uso do noso idioma abala entre o 35 % de uso no occidente de León e un 75-90 % no resto das zonas (Asturias, Zamora e Cáceres).

Á parte de todo isto, o galego é intercomprensible oralmente e por escrito co portugués, por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo. Co galego podemos percorrer territorios lusófonos como Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Timor Leste, Macau-China… entendendo e facéndonos entender sen problemas.

Malia todo este dinamismo e vitalidade, e as vantaxes internacionais da intercomprensión co portugués, o galego ten un serio problema porque aínda non deu contido a perda de falantes ocasionada por históricas políticas de desprestixio e prexuízos sociais. As iniciativas normalizadoras non lograron a erradicación deses prexuízos e dos medos aos usos públicos da lingua.

Para máis información ver o Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004:
Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. V. I
Usos lingüísticos en Galicia. V. II
Actitudes lingüísticas en Galicia. V. III

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 13 de decembro de 2016 / 19:30 h
Vigo: 'Unha nova poética anovadora' no ciclo das Irmandades da Fala
Martes 20 de decembro de 2016 / 19:30 h
Peche do ciclo das Irmandades con 'Novos vieiros para a narrativa'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 375

Boletín da Real Academia Galega
nº 375

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar