Detalle das primeiras entradas anotadas no libro de rexistro da Academia. A letra é de César Vaamonde Lores, o primeiro arquiveiro-bibliotecario da Academia.

1 de 6
A Biblioteca da RAG atesoura algúns dos libros máis antigos de temática galega que se coñecen. Nesta selección aparece tamén un exemplar do "Teatro Crítico" do Padre Feijoo da colección persoal de Dona Emilia Pardo Bazán, como consta na capa.

2 de 6
Primeiras edicións dos nosos clásicos: "Cantares gallegos", de Rosalía; "Aires da miña terra", de Curros; "Queixumes dos pinos", de Pondal e "Catecismo do labrego", de Valentín Lamas Carvajal.

3 de 6
Cinco clásicos da nosa literatura do vinte: "A esmorga", "Longa noite de pedra", "Proel", "Memorias dun neno labrego" e "Sempre en Galiza". No deseño das cubertas pódese valorar, ademais, a rica variedade da fecunda escola do grafismo galego.

4 de 6
Aquí recollemos algún dos primeiros estudos científicos da nosa lingua: "Gramática do idioma galego", de Lugrís Freire e o "Dicionario gallego-castellano", da Academia, así como o texto fundacional da historiografía galega: "Los precursores", de Manuel Murguía.

5 de 6
A Biblioteca da Academia cando estaba situada no edificio do Concello da Coruña en María Pita.

6 de 6

Sobre a Biblioteca da Real Academia Galega

 

FONDOS

A colección da Biblioteca da Real Academia Galega arranca en decembro de 1905 con doazóns feitas por membros da institución ou tamén polos propios autores que foron remitindo as súas obras. Dada a súa rareza, é salientable a importante colección de folletos -monografías de menos de 50 páxinas- editada pola comunidade galega en América e mais polo tecido asociativo co que se contaba en Galicia a comezos do século XX. Xa en 1919, o Ministerio de Hacienda e a Real Academia de la Historia doaron parte da Biblioteca do Convento de Montefaro, conformada polos fondos que lle foran expropiados aos monxes na desamortización, constituíndo hoxe o fondo máis antigo da Biblioteca da RAG. No mesmo ano, o herdeiro de Xosé Fontenla Leal doou a biblioteca de seu pai, iniciador e membro de honra desta institución, ademais dun excepcional bibliófilo galego. Posteriormente, a Biblioteca continuou medrando coa incorporación de bibliotecas individuais como a de Pardo Bazán, Manuel Murguía, Marcial de Adalid, Galo Salinas ou o fondo Luís Seoane.

TEMÁTICA

Trátase dunha biblioteca especializada na área das humanidades, sobre todo, nos campos da historia, folclore, literatura e lingua de Galicia. É, polo tanto, de consulta obrigada para calquera achega á cultura galega, xa que se configura como un servizo esencial no fomento do estudo e no apoio á docencia ou á investigación de toda a comunidade galega, reunindo, conservando e espallando todos aqueles recursos bibliográficos e informativos dos que dispón.
 

SERVIZOS

Información e referencia
Aténdense as consultas na propia Biblioteca e tamén por teléfono, fax, correo postal e correo electrónico.
Están a disposición dos usuarios o catálogo e mais unha colección de referencia de libre acceso na sala de lectura.
 
Consulta na sala
Agás a colección de libre acceso, é preciso completar unha folla de pedimento e acatar as normas existentes para un correcto uso dos fondos.
Pódense coñecer as normas de uso da Biblioteca consultando este .pdf [99 Kb]
 
Reprografía
As reproducións de fondos están limitadas polas características e estado de conservación dos mesmos, así como pola lexislación sobre propiedade intelectual vixente.
Pódese acceder ao formulario de pedimento de reprodución premendo aquí [156 Kb]
 

HORARIO

Horario de atención ao público:
De luns a xoves de 9:00 a 14:45 e de 16:30 a 19:45 horas, e o venres de 9:00 a 14:45 horas.
 
Horario de verán:
Meses de xullo e agosto, de luns a venres, de 8:30 a 14:45 horas.
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 13 de decembro de 2016 / 19:30 h
Vigo: 'Unha nova poética anovadora' no ciclo das Irmandades da Fala
Martes 20 de decembro de 2016 / 19:30 h
Peche do ciclo das Irmandades con 'Novos vieiros para a narrativa'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 375

Boletín da Real Academia Galega
nº 375

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar